Tuesday 14 de May de 2024

Acometidas tarefas para a eliminación de humidades no polideportivo da Tomada e no estadio da Alta


A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal comunica que se realizaron os labores para a eliminación de humidades no polideportivo da Tomada. A dita actuación foi executada por Constrios S.L. e o investimento ascendeu a 12 056’44 euros, IVE incluído. O proxecto supuxo a limpeza do caleiro de cuberta, incluíndo medios auxiliares e medidas de seguridade para a execución dos traballos; a tapadura de buratos en fábrica de bloque a rentes do chan no contorno da pista polideportiva; a limpeza da cuneta con medios mecánicos e manuais, e incluso a retirada dos entullos a un vertedoiro autorizado; o repaso e a reparación de puntos de humidade en cuberta, con medios auxiliares para o desenvolvemento das tarefas; e a limpeza de paramentos verticais con máquina hidrolavadora e hidrofugado unha vez limpo e seco o soporte, tamén con medios auxiliares.
Por outra banda, efectuáronse accións para acabar coas filtracións de humidades no edificio que alberga o ximnasio e oficinas de atletismo e almacén do estadio municipal da Alta. Máis polo miúdo, realizouse o forrado exterior no local de oficinas, pola súa parte exterior na zona sur e oeste, con minionda branca, aparafusada con ganchos de aceiro inoxidable; e aplicouse caucho na parede exterior de bloques na sala de ximnasio, nunha lonxitude de 18 metros e nunha altitude de 1’90 metros. Supuxo un investimento de 3 025 euros, IVE incluído. A obra foi executada por Tubio Lumasa S.L.
Estas intervencións enmárcanse no plan de mellora das instalacións deportivas no segundo semestre do ano e o obxectivo reside en ofrecerlles aos usuarios e usuarias unhas mellores condicións para o desenvolvemento da súa actividade.